lunes 27 de julio de 2009

A CÓMICA REPETICIÓN DA HISTORIA


Dicía Marx no "18 Brumario de L. Bonaparte" que cando a historia se repite, faino como comedia, mentres a primeira vez viña como traxedia...

Logo de ver, oir e analizar as consignas e discursos das correntes nazonalistas non queda máis remedio que lembrar aquela premonitoria frase do vello xudeu alemán. Porque se do seu primeiro paso pola Xunta o máximo dirixente do BNG só acada a recoñecer inconcretos e insustanciais erros mentres mantén as proclamas autocompracentes das"medidas de gran calado" que só nunha quimérica fantasía existen, esquecendo a tremenda decepción e frustración provacadas polo incumprimento dos máis elementais principios que caracterizaron á "esquerda nacionalista galega" dende o seu nacemento, entón é que a traxedia da derrota electoral leva visos de converterse nunha bufonada...

Pero se magoenta é a súa cegueira sobre o pasado, inconcibible resulta a análise do presente e as perspectivas que ofrece cara ao futuro: silenzos sobre os grandes conflitos obreiros que percorren o país, mesmo os encabezados pola CIG... confusionismo extremo sobre a crise que estamos a padecer, onde se oculta conscientemente a realidade do sistema e a razón da súa creba cunha pantalla de "casino"mundial, sen entender (ou o que é peor, sen querer entender) a súa lóxica interna, a da lei do máximo beneficio, da caida da taxa de gañancia, do intento de cargar sobre as espaldas dos traballadores, sexan galegos ou foráneos, o peso e as consecuencias da debacle... todo o seu bagaxe analítico ante unha situación tan catastrófica para os asalariados, parados, precarios... resúmese nun problema de "modelo económico desigual e xerárquico" (pero saberá do que fala o noso Guillelme: acaso concibe un capitalismo igualitario e autoxestionario?)... e para rematar, a solución que lle ofrece ao pobo que esta a padecer nas súas propias carnes as consecuencias da miseria do capitalismo: traballar o nacionalismo fronte ao imperialismo... Será por iso,logo, que:

Pactan cos nacionalistas burgueses bascos ou cataláns (e aragoneses?), para formar unha fronte "antiimperialista" co PNV, CiU, ERC, EA, Chunta...

Claman no deserto para que unha pantasiosa burguesía autóctona galega forme alianzas estratéxicas no e co BNG...

Abandonan o pasado "resistencialista" (léase ben: de loita) e piden abrir o Bloque "á sociedade" (traducido: chamar á porta dos amos do diñeiro e dos poderes fácticos para que entendan que son un "partido serio", de "orde", responsable co sistema, "coa meta de volver gobernar na Galiza"... )

Velaí a perspectiva que ofrece Guillelme: reeditar o bipartito, gobernar na Xunta coas mesmas políticas de "gran calado" social-liberais (por exemplo: os 30 millóns desparecidos con que agasallaron á patronal de Caramelo...) dos chiringuitos (amalgama burocrática de poder, chamáballes Beiras), do nepotismo e da maís aberta submisión á fidel xestión do sistema...

E a pregunta é: espera realmente que con ese cómico programa, pura idealización dunha dereita "nacional-democrática-galega", non escachen a rir "as camadas populares" (expresión agora desterrada da súa linguaxe)?

E para rematar, só un apunte sobre a consigna de Causa Galiza: NON É A SOLUCIÓN DA CRISE DO CAPITAL A SOBERANIA NACIONAL. Hai un profundo erro de concepto nesta proclama, porque a crise debe ter unha saída de clase, de loita obreira e popular contra os intentos da patronal de tirar meirandes plusvalías e beneficios, coas súas secuelas de máis paro, maís exercito de reserva, máis precariedade... sexa en Galiza ou en Arxentina... Unha soberanía nacional galega en mans dos prepotentes patróns do metal ou dos Zara, Pescanova, Pastor, Caramelo, etc. etc. non fará máis que entregarlle o país aos amos "crioulos"... e a loita non é para iso, non, senón pola liberdade, como nación e como sociedade, pola superación da opresión e da explotación, ámbalas dúas xuntas, para construír outra Galiza posíbel, autoxestionaria, democrática dende a base, verde, feminista... unha Galiza por e para os traballadores e cidadáns de a pé...

Por iso, naceu unha Esquerda nidiamente Anticapitalista en Galicia:


PORQUE OUTRA GALICIA É POSÍBEL, MAIS OUTRO CAPITALISMO É IMPOSÍBEL


PORQUE AS NOSAS VIDAS VALEN MÁIS CÓS SEUS BENEFICIOS.

viernes 17 de julio de 2009

O PAO E A CENORIA

Nesta semana (13-17 xullo) houbo manifestacións de gandeiros en Santiago e de novo volveron as brutais cargas policiais contra os que na rúa decidiron reivindicar con valentía os seus dereitos, o primeiro dos cales, non o esquezamos, é o de poder vivir, ter un salario ou uns ingresos mínimos e dignos. E iso, porén o que algúns tentan ocultar baixo toneladas de propanda a prol deste sistema, non está nin garantido nin defendido polas leis nin polo seu "Estado de Dereito".

Abonda comprobar a distancia que hai entre promesas e realidades: acaso non está escrito e mil veces publicado aquilo do social-liberal ZP de que "ninguén quedaría abandoado á súa sorte"? E non é certo que aproximadamente un millón (a cifra é moi difícil de saber de certo) de persoas non cobran ningunha prestación por desemprego? E os centos de milleiros que sobreviven con esas esmolas dadas polas CC.AA (300, 400 euros)?

Se vos fixades, cada vez que os marxinados, os febles, os parados, os traballadores... tentan rachar coas cadeas deste sistema opresor e explotador na procura de obrigar aos poderosos, aos gobernantes, aos amos do capital a dar solucións efectivas e reais ás súas depauperadas vidas, atópanse coa represión policial, coa brutalidade, coas malleiras indiscriminadas: A TÁCTICA DO PAO.

Abonda con tres exemplos: o desta semana cos gandeiros, chegando algún ao hospital con traumatismo craneo-encefálico... un pouquiño para atrás no tempo: os obreiros do metal sendo acosados, aporreados, machucados por orde dos nosos gobernantes... outro saltiño duns meses e duns centos de quilómetros e alá, na Catalunya, lembraremos como ese "modélico" corpo autonómico de policía chamado Mossos d´Esquadra, baixo a batuta dun asimilado "esquerdista" do sistema, conselleiro de ICV (ex-PSUC), mandaba as súas "forzas da orde" (da súa orde!) cargar contra os estudantes anti-bolonia e os transeuntes, xornalistas e olladores do "improcedente" espectáculo: A TÁCTICA do PAO.

Mais se algo aprenderon os xestores deste sistema é que coa soa represión non chega, que hai que encadrar, asimilar, desnaturalizar as protestas... A TÁCTICA da CENORIA.

Entran logo en escena eses sindicatos ferreamente dirixidos e instrumentalizados polas súas burocracias intimamente casadas cos mesmos partidos xestores do poder:as súas bases son obreiras, traballadoras, pero as súas direccións son aliadas dos amos do sistema e do capital. Xogan pois un dobre papel: por unha banda, cómprelles esixir, reivindicar, contentar a eses currantes afiliados ou confiados; pero pola outra, precisan demostar ante os seus amos capitalistas e políticos do sistema que son xente de fiar, que teñen a capacidade de frear as mobilizacións se se desmadran, que sempre poden facer volver a auga ao seu rego... nada de rebordar os límites establecidos, nada de cuestionar as relacións de producción (explotación), nada de poder autónomo obreiro ou popular: De novo, A TÁCTICA da CENORIA...

Velaí a dificultade para os revolucionaros de enfrontar tan endiañada situación. Velaí a necesidade de, armados de paciencia, levar a cabo un labor de "agit-prop" sistemática, evitando todo sectarismo, todo dogmatismo, todo infantilismo esquerdista que tente impoñer atallos á propia evolución das loitas e das conciencias dos traballadores. Por iso os marxistas revolucionarios CONDENAMOS ROTUNDAMENTE TODOS ESES ACTOS BASEADOS NO TERROR QUE PRETENDE SUBSTITUÍR A PROPIA DINÁMICA DA CONCIENCIA, DA LOITA, DA EXPERIENCIA, DA EDUCACIÓN, DO DEBATE, DA EVOLUCIÓN DO CONFRONTO DE CLASES. Porque para os anticapitalistas a liberación social (as liberacións...) será obra dos propios implicados ou no será...

Cómpre construír unha esquerda anticapitalista consecuente, non dogmática, loitadora e democrática...

Moitos son os retos, moitas as dificultades, minguadas as forzas logo de tantas derrotas históricas acumuladas... mais ainda así, logo de cada pao, de cada pelota de goma, de cada bote de fume e gas... seguiremos apostando porque outro mundo sexa posible.

E logo de cada traizón, de cada venda, de cada humillante submisión deses burocratizados dirixentes... seguiremos xunto aos traballadores e oprimidos, explicando, acompañando, loitando cóbado con cóbado pola superación da manipulación e do engano.

Porque contra todos os pesimismos da razón... sempre nos quedará o optimismo da vontade.

AS NOSAS VIDAS VALEN MÁIS CÓS SEUS BENEFICIOS.

jueves 9 de julio de 2009

AS LECCIÓNS DA FOLGA DO METAL


Cando unha exemplar loita coma esta remata nun fracaso tan magoento, a esquerda anticapitalista debe tentar tirar conclusións, tanto a nivel organizativo como de combate.
Vexámolas:

1º) Dende o principio os sindicatos tiveron toda a iniciativa e sempre controlaron a dinámica das mobilización, tanto nos tempos como na intensidade. En consecuencia, o conxunto dos traballadores nunca tivo directamente a chave das decisións da folga.

2º) As burocracias sindicais, vencelladas moi directamente a partidos e intereses políticos definidos, fixeron todo o posible para que as asembleas dos traballadores foran meras ouvintes das súas propostas, sen darlle o poder de decisión directa e democrática. En consecuencia, non se formaron órganos unitarios saídos da propia asemblea, tipo comités de folga ou semellantes, onde estiveran representadas e controladas as organizacións sindicais.

3º) Estando xa que logo o poder de decisión nas mans da burocracia sindical, foille moi doado rachar a "unidade sindical", pois a mesma estaba baseada en acordos dende e por as cúpulas, sen outra responsabilidade que cumplir o formalismo das xuntanzas internas cos propios liberados e delegados sindicais. Así pois a UGT non tivo máis que botar man deste mecanismo substitutivo da democracia obreira para rachar a folga.

4º) Atados como estaban todos os líderes sindicais (mesmo os máis combativos) por esa perversa lóxica do substituísmo do colectivo, da clase, das asembleas xerais por unha fracción ou parte, segundo o sindicato que fora, caeron na trampa das xuntanzas burocraticas alleadas das asembleas.

5º) Ante tal panorama e unha vez decidida polos mandamáis sindicais a volta ao traballo sen ter acadado ningún dos obxectivos propostos, a desmoralización, o cabreo e o noxo dos traballadores estoura (así pódense ver declaracións en xornais de Vigo de traballadores criticando abertamente o que fixeron con eles) á vez que os medios de comunicación cargan con toda a súa furia contra eses "vándalos" que se atreveron a desafiar a orde establecida.

6º) Neste contexto de retirada e derrota anúncianse medidas represivas masivas contra ducias de traballadores que loitaron polo pan, por un salario xusto e por un convenio digno. O goberno toma entón a iniciativa e avisa das multas e procesos penais que caerán contra "os que se pasaron da raia" (raia marcada pola patronal e os seus axentes gobernamentais) Mentres, no medio dunha verborrea baleira, algúns dos burócratas sindicais claman e pregan ante o goberno para que non "provoque". O círculo vicicioso péchase así coa utilización das súas leis punitivas por parte dos amos do diñeiro e do poder.

Chegados a este punto, os que aínda cren neses burócratas sindicais, contestan: e que podiamos facer?

Pois a resposta é ben evidente: ESPALLAR AS LOITAS, COMPROMETER A MÁIS SECTORES SOCIAIS E OBREIROS, ACADAR A SOLIDARIEDADE ACTIVA DOS DEMAIS TRABALLADORES POIS MOITAS REIVINDICACIÓNS ERAN E SON COMÚNS... E TODO ISTO NUNHA DINÁMICA QUE DEBERÍA LEVAR Á FOLGA XERAL TANTO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA COMO EN TODA GALIZA.

E tamén, por que non, chamar ao apoio e solidariedade do resto da clase traballadora do Estado Español e Portugués...

Porque se como recoñecen os mandamáis dos sindicatos esta era unha aposta que ía alén da propia patronal do metal pontevedrés, se afirman que é todo un pulso para defenestrar a un dos sectores máis combativos e loitadores e que se trataba de impoñer unha determinada política antisocial por esa patronal cerril e prepotente, entón, por que non chamaron a extensión das loitas posto que era un conflito que sobrepasaba o estreito marco do metal pontevedrés?

Así pois, dúas grandes leccións tíranse desta folga:

a) a nivel organizativo: que deberán ser as asembleas e os órganos democráticos que dela saían (comités de folga ou semellantes) quen en adiante decidan.
TODO O PODER DE DECISIÓN PARA A ASEMBLEA XERAL.!
b) evitar o aillamento das loitas, espallalas, implicar a outros sectores, acadar a solidariedade activa de toda a clase obreira até chegar á folga xeral se a patronal e o seu goberno non ceden.
POLA FOLGA XERAL!

Aínda estamos a tempo se se poñen os medios e se toman as medidas oportunas.

PORQUE NON PODEMOS PERMITIR QUE OS SEUS BENEFICIOS VALLAN MÁIS CÁS NOSAS VIDAS.

sábado 4 de julio de 2009

POLA DEMOCRACIA OBREIRA AQUÍ E AGORA.


A folga dos traballadores do metal atópase nun momento decisivo. A retirada da UGT e a máis que probable de CCOO sitúan aos obreiros ante unha alternativa:

a) continuar a folga sabendo que unha parte dos seus compañeiros non a secundarán e volverán ao traballo seguindo a orde da súa central sindical.

b) desconvocar a loita e agardar supostamente a reanudala noutro momento, coa clara consciencia da dificultade e case da imposibilidad de tal volta.

Neste sentido e neste intre só cabe salvar a folga se a CIG ( e CCOO?) pon sobre a mesa esta proposta:

QUE SEXA O CONXUNTO DA CLASE OBREIRA DO METAL EN ASEMBLEA (S) QUEN DISCUTA AS DIFERENTES POSICIÓNS E ARGUMENTOS DOS SINDICATOS OU PERSOAS NON AFILIADAS E VOTE DEMOCRATICAMENTE O QUE QUERE FACER:
- SEGUIR IGUAL
- DESCONVOCAR, COMO DI A UGT, SABENDO QUE LOGO DA RETIRADA SERÁ CASE IMPOSIBLE REANUDALA CON FORZA DABONDO PARA VENCER
- REBAIXAR O GRAO DE COMBATE (TIPO PAROS PARCIAIS, DÍAS ALTERNOS, COMBINACIÓN DE MEDIDAS DE LOITA QUE NON DESGASTEN TANTO), PERO MANTENDO A LOITA
- IR CARA Á FOLGA XERAL.

En todo caso, o factor principal, o elemento fundamental neste momento é DAR TODO O PODER DE DECISIÓN Á ASEMBLEA XERAL E NON PERMITIR QUE AS XUNTANZAS PARCIAIS E FRAGMENTARIAS DOS AFILIADOS SINDICAIS (SEXA DO SINDICATO QUE SEXA) IMPOÑAN AS SÚAS POSTURAS POR ENCIMA DO COLECTIVO DOS TRABALLADORES.

Hoxe por hoxe a consigna pasa pola unidade sindical forxada nas asembleas de TODOS, e pola asunción do voto maioritario. NON SE PODE PERMITIR QUE A VONTADE DUNHA PARTE SE SOBREPOÑA Á VONTADE DA XENERALIDADE. ESTE É O MÁIS ELEMENTAL PRINCIPIO DEMOCRÁTICO E OS SINDICATOS E PARTIDOS QUE ESTÁN DETRÁS DOS MESMOS DEBEN DEMOSTRAR NA PRÁCTICA SE SON OU NON RESPECTUOSOS COA DEMOCRACIA DA QUE TANTO FACHENDEAN NOS SEUS DISCURSOS.

Alén disto, a postura máis coerente e lóxica coa dinámica das loitas e coa chantaxe da patronal (que como ben recoñecen os líderes sindicais ten unha finalidade moito máis ampla e profunda que a propia do empresariado implicado no conflito) é a de manter a loita e ESPALLALA A OUTROS SECTORES, preparando a FOLGA XERAL e xa que a patronal converteu isto nunha proba de forzas¡, reponder no mesmo campo e coa gran arma dos traballadores: O PARO XERAL EN TODA GALIZA e cun chamamento expreso a solidariedade de toda a clase obreira do Estado Español e Portugués. Verán entón a forza real dos explotados e oprimidos...

Mais desgrazadamente non é este o camiño emprendido pola UGT (e seguramente por CCOO), senón o da derrota, o da volta ao traballo, o de esperar que a Xunta lle solucione a papeleta. Certamente, a peor das solucións e o peor escenario posible...

ESTARÁN DISPOSTAS AS BUROCRACIAS SINDICAIS A CONVOCAR A ASEMBLEA XERAL, DARLLE A PALABRA AOS PROPIOS OBREIROS E RESPECTAR A SÚA DECISIÓN?

VELAÍ A CUESTIÓN DECISIVA.

SOLIDARIEDADE COS TRABALLADORES DO METAL!