viernes 26 de junio de 2009

EMPRESAS


Contan sen parar os ideólogos oficiais do sistema que só "as empresas crean riqueza e postos de traballo". Logo, para rematar o círculo vicioso da súa afirmación non demostrada tiran como conclusión: "o que hai que facer pois é adelgazar ao Estado e axudar aos empresarios."


Esta matraca repetida unha e mil veces remata por se converter nunha desas verdades "de consenso". Sen embargo, as cousas non son nin un "chisquiño así"...


-A empresa entendida como unha entidade xurídica privada en mans dos capitalistas non crea valor: simplemente encobre unhas relacións de explotación (plusvalía) entre os que teñen o capital e os que non teñen máis ca ofrecer que a súa forza de traballo. A concreción como "persoa xurídica" non é máis ca un constructo, unha ideoloxización dunha realidade subiacente económico-social.


-Porque se como din, a riqueza a crean os empresarios, porque entón cando fan folga os traballadores deíxase de "crear valor"? Non será acaso que son eses que aportan o súa forza de traballo a cambio dun salario (que non representa máis ca unha parte da riqueza creada) os que realmente dan valor á mercancia?


-Os profetas do novo capitalistmo tecnolóxico que cantaron a desaparición do "traballo" e a súa substitución por un mundo de máquinas, ordenadores e trebellos varios, cando se enfrontan a unha folga coma a do metal quedan sen resposta... porque son os propios patróns os que din moi claramente: "ou volvedes ao traballo ou isto vaise ao carallo". É típico dos intelectuais do sistema non confrontar as súas divagacións coa realidade social, cos conflitos de clase, coa loita entre capitalistas e operarios... para eles, iso non existe porque previamente decretaron a súa morte interesada.
Toda esa mitoloxía a prol do capitalismo ten unha funcionalidade práctica moi evidente: traspasar recursos públicos a mans privadas. E cando dicimos recursos públicos dicimos que unha parte aínda maior da plusvalía non pagada e que debería repercutir en forma de servizos sociais a prol dos traballadroes é substraída da colectividade e posta a disposición dos amos do diñeiro.
Cando os gobernos capitalistas, como o de ZP, agasalla á banca e aos especuladores financeiros con milleiros de millóns de euros e dólares están sinxelamente expropiando aos máis febles de servizos como sanidade, garderías infantís, educación de calidade, etc etc. Os outros, os poderosos non precisan da gratuidade destes servizos porque xa os pagan dos seus ben repletos petos.
Cando o Estado asume perdas e non gañanacias, cando os empresarios chaman á porta da "res publica" para recibir subvencións e axudas tiradas dos impostos pagados polo pobo, non están a recoñecer que son eles os auténticos chuchadores da riqueza que non crearon e despilfarraron?
Porque hai que dicilo unha e outra vez: o capitalista non crea riqueza, aprovéitase da riqueza e do valor creado polo traballador...
E esa riqueza e valor do traballo é a base para a construción dunha sociedade distinta, dunha sociedade baseada no reparto democrático da produción, da ciencia e da tecnoloxía. Confundir a propiedade da riqueza coa súa produción é un dos maiores logros da ideoloxía do sistema.
Agora, cando o conflito do metal, ou de Caramelo, ou da pedra, ou de Leite Pascual... están a cuestionar moitas das tópicas falsidades espalladas polos "creadores de opinión", temos que saber defender con todas as consecuencias a nosa verdade, a verdade dos de abaixo, dos explotados e oprimidos, dos parados e precarios, dos que sempre teñen que perder, con esa outra "verdade" creada para perpetuar este sistema fundamentado nalgo tan irracional como que para que uns o teñan todo, os máis non deben ter case que nada...
Por iso a gran consigna da esquerda alternativa non pode se outra que
"AS NOSAS VIDAS VALEN MÁIS CÓS SEUS BENEFICIOS".

sábado 20 de junio de 2009

O NOME DAS C OUSAS

ONTE MORRERON DOUS TRABALLADORES. DOUS MÁIS NA LONGA XEIRA DE FALECIDOS POR "ACCIDENTES LABORAIS".















Que caian dun andamio ou que lles caia un tractor encima, son iso, "mala sorte", "accidentes laborais". Así funciona a linguaxe do poder; enmascara, exculpa, dilúe a responsabilidade dos causantes das mortes de xente inocente, de pais de familia, de homes e mulleres que teñen que vender a súa forza de traballo en condicións cada vez máis penosas.

Nada escoitaredes dos contratos lixo que obrigan á xente a traballar en condicións semiesclavistas por medo a perder o salario co que alimentar aos fillos ou pagar a hipoteca...
Nada leredes sobre esas xornadas laborais leoninas que desgastan e mingúan a atención até que nun "descuido"...
Nada sairá neses "medios" tan defensores da súa liberdade de expresión sobre a exacerbada competencia entre os capitalistas que os obriga a extremar a explotacións dos seus asalariados porque hai que facer medrar a "produtividade"...
E así escríbese a crónica diaria, lávanse as conciencias, mantense o "status quo"...

Pero moito coidadiño con que ese obreiro levante a voz, proteste con furia, acene a súa rebeldía...

Entón será chamado "alborotador", "vándalo", "terrorista"...

Veredes, si, como eses "democráticos" medios de comunicación artellan campañas contra a insubordinación dos de abaixo, claman contra as perdas das "empresas", piden a intervenzón das "forzas da orde para protexer os dereitos cidadás" (será que os traballadores non son cidadás?)...

E se eses obreiros son dun sector tan combativo como os do metal, entón será preciso aumentar o grao de intoxicación criminalizadora.

Sempre a dobre linguaxe, sempre a mesma manipulación, sempre o depurtamento sistemático da realidade e dos problemas dos currantes: tanto dá que sexan gandeiros arruinados por unha inxusta competencia, como xentes con mono azul ou funcionarios mileuristas que teñen que aceptar conxelacións salariais porque "todos temos que apertarnos o cinto" segundo mandan os engordados capitostes de "arriba"...

Mentres, a banca declara que gañou 6.000 millóns só no primeiro trimestre dete ano...
Mentres o señor Botín fala de previsións de beneficios de 8.000 millóns...
Mentres máis do 50% dos fluxos financeiros seguen a pasar polos paraisos fiscais protexidos polas moi democráticas potencias capitalistas... sen que queran oir falar de levantar o segredo bancario.

Por iso compre dar a batalla sen cuartel a prol da solidariedade e da unidade das loitas de todos os explotados, oprimidos e prexudicados por este sistema: sexan obreiros, labregos, estudantes...

SE XUNTAMOS AS FORZAS, PODEMOS: CONTRA O INIMIGO COMÚN, CONTRA O CAPITALISMO, CONTRA ESTE SISTEMA DEPREDADOR DAS VIDAS E DA DIGNIDADE HUMANA!

PORQUE AS NOSAS VIDAS VALEN MÁIS CÓS SEUS BENEFICIOS.

sábado 13 de junio de 2009

AS SÚAS RESPOSTAS E AS NOSAS.

Volve a loita de clases. Quen dicía que as clases socias morreran atópase cos traballadores en pleno combate: folgas, manifestacións, autodefensa contra a represión... non acadan a explicarse que pasa, que está a ocorrer para que aqueles que deran por mortos demostren que están moi vivos.

















Entón aparecen os intoxicadores, os especialistas da confusión e din:
-Son unha minoría...
-e nós repondemos: ollade para as asembleas nas fábricas, para as fotografías das rúas, para as manifestacións multitudinarias...
-Ah!, contéstanos: pero son uns insolidarios, paralizan a cidade, crean moito rebumbio...
-e nos respondemos: estamos en loita, unha loita que nós non provocamos, se non a chantaxe, a avaricia, o fán de lucro e riqueza desmedida desa patronal insolidaria cos seus obreiros, cos sus asalariados, cos produtores da súa riqueza...
-Entón retrucan coa súa cantinela de sempre: estamos en crise e temos que turrar todos do carro, sen distingos, xuntos patróns e traballadores. Xa que logo, tendes que apertarvos o cinto até que saiamos da crise...
-e novamente temos que clarexarlles certas cousiñas elementais: que esta crise non a provocamos nós, senón eles, coa súa especulación, cos súas burbullas, coa súa insaciábel necesidade de acumular riquezas fáciles sen fin... e preguntámoslles: cando estabades a recadar millóns e millóns de euros, non repartistes, non axudastes a crear emprego fixo e de calidade... non, vós, capitalistas, convertestes os contratos lixo en lei, fixestes da precariedade laboral unha espada de damocles sempre pendurando sobre as nosas testas, subístenos o soldo por debaixo da inflación, prexubilastes a milleiros e milleiros de compañeiros e substituístes os empregos indefinidos por traballos no aire... esa foi a vosa aportación na vosa época de vacas gordas, e agora queredes que nós paguemos tamén as deslocalizacións das vosas fábricas buscando man de obra barata, queredes conxelarnos os salarios para seguir engordando as vosas contas de resultados, queredes pechar e vender empresas porque seguides pretendendo facer cartos fáciles á nosa conta...
-Entón tirades dos tópicos: mais todos somos galegos, temos que unirnos nunha fronte interclasista común que sexa capaz de sacar este país para adiante, con Galiza por bandeira...

-E A NOSA RESPOSTA CONTUNDENTE SERÁ:
CONTRA AS VOSAS FRONTES INTERCLASISTAS, CHÁMENSE GALEGUISTAS OU ESPAÑOLISTAS QUE SÓ TRAEN CONFUSIÓN E DERROTA PARA A CLASE OBREIRA, NÓS CHAMAMOS A TODA A ESQUERDA A UNHA FRONTE UNITARIA PARA APOIAR SEN FENDAS A LOITA DOS DE "ABAIXO", DAS CLASES POPULARES, DOS ASALARIADOS E DOS DESPOSUÍDOS...

UNHA FRONTE ÚNICA DE ORGANIZACIÓNS DE ESQUERDA CUN OBXECTIVO COMÚN:

SOLIDARIEDADE COS TRABALLADORES/AS EN LOITA!

NON AO PARO, NON Á PRECARIEDADE LABORAL, NON AOS CONTRATOS LIXO, NON AS CONXELACIÓNS SALARIAIS!

E SE DICIDES QUE ESTADES EN CRISE, AMOSADE OS VOSOS LIBROS DE CONTAS, OS VOSOS BENEFICIOS DE TODOS ESTES ANOS, LEVANTADE O SEGREDO BANCARIO PARA QUE VEXAMOS COMO CONTINÚA MARCHANDO O DIÑEIRO CARA AOS PARAÍSOS FISCAIS.

E, PARA ESA ESQUERDA INSTITUCIONAL QUE AÍNDA DI DEFENDER AOS TRABALLADORES, UNHA ESIXENCIA INCUESTIONÁBEL:

PROHIBICIÓN DOS DESPEDIMENTOS PARA AS EMPRESAS CON BENEFICIOS!

QUE OS CAPITALISTAS QUE PECHEN OU FAGAN DESPEDIMENTOS, QUE DEVOLVAN OS CARTOS PÚBLICOS RECIBIDOS COMO AXUDAS, SUBVENCIÓNS, BENEFICIOS FISCAIS... E CON XUROS.

ESTA É A NOSA LÓXICA, ESTAS SON AS NOSAS RESPOSTAS.

A ESQUERDA ANTICAPITALISTA, SEN SECTARISMOS, SEXAN NAZONALISTAS, INDEPENDENTISTAS, INTERNACIONALISTAS, OU "ESTATALISTAS"... TEN UNHA GRAN TAREFA POR DIANTE: CONVERTERSE NO EIXO E NO PULO DESA FRONTE REIVINDICATIVA DE ESQUERDAS. PORQUE ELES, OS DA ESQUERDA INSTITUCIONAL NON O FARÁN SE NON OS OBRIGAMOS...

NESE EMPEÑO ESTAMOS...

PORQUE AS NOSAS VIDAS VALEN MÁIS CÓS SEUS BENEFICIOS!

domingo 7 de junio de 2009

UN PRIMEIRO BALANZO


Perto de 25000 votos avalan o nacemento de IzAn-Izquierda Anticapitalita. Un resultado que para un partido con á penas seis meses de vida, que até onte mesmo estaba a recoller sinaturas para poder presentarse, que sufriu un descarado e vergoñento boicot por parte dos medios de comunicación públicos e privados para que unha cortiña de oprobioso silenzo caese sobre a súa existencia, ás súas propostas e a súa actividade, entendemos que non está nada mal (superamos, por exemplo, ao PCPE con moitos militantes e moito tempo de existencia)

Por suposto, sempre haberá quen compare estas cifras coas dos grandes partidos institucionais... pero nin ese era o noso reto nin tampouco é o noso xogo o da competencia marquetiniana e despilfarradora propia das organizacións do sistema.


Outro era o noso obxectivo e cremos que o cumprimos sobradamente: a consolidación do partido (insistimos en que á penas temos seis meses de vida), a súa presentación e presenza a nivel de todo o Estado Español, o achegamento de milleiros de simpatizantes que a través dos comités de apoio e cun gran esforzo desinteresado (nada que ver coas prebendas dos grandes partidos) conformaron unha rede de activistas e contactos que de seguro axiña dará os seus froitos.


O feito até agora non é maís cun primeiro paso. Un paso imprescindible na procura da constitución desa esquerda alternativa da que nos reivindicamos e da que non cremos ser os representantes exclusivos, pero que tampouco claudicamos ante as imposicións das teses de calqueira outra organización sen unha discusión aberta e radical.


Hoxe, cómpre mais ca nunca un debate franco, sen sectarismo sobre esa necesaria construción dun polo de esquerda anticapitalista. Demostramos que existimos, que estamos aquí, que temos futuro. Chamamos aos compañeiros independentistas e anticapitalistas galegos, aos que están en proceso de ruptura co BNG, aos que desbotan calquera tipo de reforma nas súas burocratizadas organizacións social-liberais a xuntar esforzos, a preparar unidos as necesarias respostas que esixirán os ataques dos capitalistas e os seus gobernos.

Felicitamos aos compañeiros dos partidos irmáns do Bloco de Esquerda portugués ou do NPA francés que acadan representación no Parlamento Europeo. O seu exemplo, o seu traballo, a súa dignidade na defensa dun programa e dunha praxe anticapitalista demostra que SI É POSÍBEL ser á vez un partido de combate, democrático e con vocación de desputar á maioría á esquerda institucional submetida ao sistema.

E que dicir dos resultados globais?

Empezando polos máis achegados, os compañeiros do BNG, segue a caída libre do seu apoio electoral (menos do 10% xa). Toda a montaxe do seu congreso non valeu para que a xente percibira ese viraxe á esquerda que dicían. Pola contra, os ultimos sucesos, como as declaracións do seu lider vigués sobre os traballadores en loita do metal ("vándalos"...) , a súa campaña descafeinada, as súas alianzas inexplicables e os seu constante chamamento a un frontismo coa burguesía autóctona lévaos á perda acelerada da súa base social, que non o esquezamos, é unha base de esquerda, combativa, reivindicativa. A disonancia entre a súa direción e os sectores sociais que o apoian medra de cotío.

En canto ao PSOE, o seu social-liberalismo estálle a pasar factura. Xa o fixo en Galicia (onde, por certo, continúa "in crecendo" a perda de votos), e agora tócalle no resto de España. A xente xa comprobou que detrá do sorriso de ZP e das poses de esquerdismo, non hai nada, só iso, fachada.

A dereita sae triunfadora porque non atopa rival nunha esquerda medorenta e desnortada. Así, non é de estrañar que a xente prefira as políticas orixinais do neoliberalismo a esas malas fotocopias da socialdemocracia europea.

É a hora doutra esquerda, dunha esquerda comprometida cos de "abaixo", cos traballadores, cos parados, cos xoves que sufren contratos lixo, coas mulleres, coa terra e o planeta, e co país, pero cun país chamado Galiza que non debe ser identificado cos poderosos do mesmo, coa súa burguesía explotadora e represora (aí están os exemplos do metal), cos Caramelo, cos Feijoo, cos amos do sistema.

O camiño será longo e cheo de dificultades. Pero ao igual que fixeron os nosos compañeiros portugueses ou franceses, percorrerémolo, porque hoxe máis ca nunca... AS NOSAS VIDAS VALEN MÁIS CÓS SEUS BENEFICIOS.

jueves 4 de junio de 2009

SOLIDARIEDADE COS TRABALLADORES DO METAL!















A exemplar loita dos traballadores do metal a prol dun convenio xusto está a ser atacada dende varias instancias e niveis:


Dende eses grupos mediáticos servís e con intereses directamente relacionados coa patronal metaleira. Cando non manipulan, inventan; cando non inventan, falsifican; cando non minten, chaman directamente á represión.


Dende eses gobernos (tanto do Estado como da Xunta) que mandan cargar con toda a violencia das porras, pelotas de goma, botes de fume... contra uns traballadores, transeúntes, xornalistas... que deben ser aterrorizados para crebarlles a moral de combate e que non se saiba o que realmente está a pasar.


Dende esa patronal que pechada na súa estratexia de "derrotar sexa como sexa" esta mobilización e esta folga, non se detén ante nada con tal de levar o confronto até límites incalculábeis.


Pero no que non acreditamos e aínda apertamos e abrimos varias veces os ollos para ver se lemos ben, é na actitude do BNG e concretamente do seu máximo dirixente de Vigo, Santiago Domínguez, cando poñéndose de parte da patronal e das forzas represivas "condena o vandalismo" dos traballadores en loita, afirmando concretamente que " non é bo para a cidade nin para os traballadores dar esta imaxe de vandalismo", atribuíndo os confrontos destes días a unha suposta falta de "serenidade" dos obreiros. Logo vai, avergoñado, e pide que " a actuación policial se faga coa menor dimensión posíbel e cando fora estritamente necesaria" (¡¡¡!!!) E para rematar, pontificando cal papista reconvertido ao social-liberalismo nazonalista, di: "a violencia nunca é boa para acceder aos dereitos"...


Desgrazadamente a isto conduce a socialdemocracia do BNG, a súa conivencia co sistema e a patronal (eses eufemisticamente chamados"sectores produtivos" que se negan a nomear como capitalistas, eses que queren conxelación salarial, despedimentos baratos, EREs, empregos lixo...) A este grao de submisión e vasalaxe chegaron ante os explotadores e represores "galegos".


Os traballadores do metal e a clase obreira non esquecerá. Mais hoxe, unha urxente tarefa debe estar no centro do activismo de toda a esquerda, de toda a militancia da esquerda, sen distingos, sen sectarismos, sen precondicións previas:


SOLIDARIEDADE COS TRABALLADORES DO METAL!


PORQUE AS NOSAS VIDAS VALEN MÁIS CÓS SEUS BENEFICIOS!