Ao cabo dun bo anaco de tempo, apareceu por alí un veciño e logo de enterarse do que ao seu compadre lle sucedía, quixo axudarlle e axeonllouse el tamén dentro do circulo de luz que daba a lampada.
Pasaran varias horas de intensa busca e non aparecía a chave por ningures... Canso e desmoralizado, preguntoulle o bo home ao seu achegado:
-E logo, estás seguro de que perdeches a chave por aquí?
E o noso borrachuzas, entre grolo grolo de viño peleón, contestoulle:
- Non ho, perder, perdina alí, na eira, pero como está ás escuras pensei que era mellor buscala por aquí, onde hai luz...

Algo así, desgrazadamente, estálle a pasar ao BNG e moi salientablemente ao señor Beiras. Perderon a chave para facer do BNG un instrumento de liberación nacional e social e, en troques de buscala alí onde a deixaron, andan a súa procura noutro lugar máis "iluminado", pero errado...
Porque a chave do futuro nazonalista non se atopa no falso dilema de se "asemblearismo si ou non", dilema formulado fóra de contexto, fóra das loitas e movementos sociais, fóra do carácter de clase que debería ter a cuestión da democracía interna (e externa) nas organizacións.
Plantexar como "principio" que o asemblearismo é maís democrático que a discusión e o debate dende a base, con posturas e alternativas definidas, sobre textos claros, con tendencias respectadas e con tempo e lugar para explicar e defender cada idea, e onde logo da decantación das maiorías e minorías por unhas ou outras se poidan elixir delegados que noutro ámbito defendan tales posicións, non é correcto. En fin, crer "porque si" que nunha asemblea íase poder discutir con máis amplitude e profundidade simplemente porque o número de persoas equivale a máis clarexamento, é un erro de principiantes baseado nun mito hai tempo "desmitificado". Abondan os exemplos de máxima transparencia e respecto democrático en organizacións rexidas polo sistema de delegados así como do contrario, estructuras teoricamente asemblearias e, porén, rexidas pola manipulación e o control burocrático dos membros.
O formalismo democrático á marxe dos movementos e das loitas sociais foi e é unha trampa...
Non, o problema do BNG non é ese. O debate plantexado por Beiras e os seus epígonos non pasa de ser unha escusa para buscar aparentes diferenzas (que queren amosar como fundamentais) cando, de feito, a concordancia entre "críticos" e "oficialistas" é esencial nas súas teses políticas.
Concordancia no carácter que se lle quere dar ao Bloque de fronte interclasista, onde caberían dende a burguesía do "país" até os parados e marxinados.
Concordancia na subordinación a unha estratexia de "capitalismo propio", onde o importante sería desenvolver "as nosas forzas produtivas", sen explicitar que tales "forzas produtivas" son patróns que se rexen pola lei do mercado, pola lei do máximo beneficio, pola lei da explotación e da plusvalía (traballo non pagado= precariedade, salarios á baixa para competir mellor, paro...) e pola solidariedade da súa propia clase: véxase senón a posición da Confederación de Empresarios Galegos e máis concretamente a da patronal de Pontevedra.
Concordancia en non cuestionar este sistema de clases chamado capitalismo, plantexando unha pantasmagórica coincidencia de intereses entre traballadores e empresarios, entre os ZARA, Pescanova, Pastor... e os asalariados dos talleres (os/as "menosdemileuristas"), dos servizos, dos barcos... Si, hai solidariedade de clase, pero dáse entre os Citroen ou BBVA e os Amancio Ortega, entre os Jove e os Barreras, entre os capitalistas de "fóra" e de "dentro"...
Unha Galiza froito dunha concepción mecanicista da loita de clases e da historia, onde ben sexa o "socialdemócrata" Beiras (así defínese el mesmo) con esa filosofía de bombeiro e policía submiso aos grandes intereses do capital, como o "mao" Paco Rodriguez, co seu etapismo estaliniano, onde primeiro correspondería a consolidación dun capitalismo nacional cunha democracia burguesa concorde ao mesmo e logo, nun futuro "sine die", a superación do mesmo nun socialismo difuso.
Por iso, un debate sobre democracia en abstracto, sen encadralo nunha posición de clase e dentro dunha loita por un obxectivo de liberación tanto nacional como social, inseparables e dialecticamente interelacionados, convértese nun atranco para superar o rastreiro pragmatismo oportunista no que está mergullado o Bloque. Pragmatismo, por certo, que non é máis ca desembocadura do confusionismo político-ideolóxico de antano, hoxe aínda vixente
Porque acaso enténdese polos ideólogos do BNG que a burguesía vai favorecer o mesmo tipo de democracia que os traballadores?
Talvez consideran esas cabezas pensantes do Bloque que a cuestión democrática é unha sinxela formalidade e que para o capitalista resúltalle o mesmo que o seu diñeiro e o seu poder de decisión poida ser controlado polos traballadores?
Se cadra cren os "intelectuais" nazonalistas que "centrarse" equivale a non ser "marxinais". Pode ser, sempre que estean dispostos a pagar a peaxe de transformarse no que dicían non querer ser: organizacións burguesas ao servizo do capital. Certamente, poderán chegar a ser tan "importantes" como o PNV, como CiU, como ERC, e até como a ¡Chunta Aragonesista! ( con quen, noutro renuncio incomprensible ás ideas de sempre, agora, con esta sinatura, convértese a Aragón nunha "nazón sen estado"... viva o oportunismo electoral!) pero a conta de ir deixando polo camiño todo aquilo polo que paga a pena loitar: a superación da explotación e da opresión, de clases ou de pobos...
Se se desbota isto, de que democracia falamos?
Porque a chave perdida non se atopa no fácil lugar iluminado polo poder e o diñeiro. Está alí onde se perdeu... alí onde outros veciños nosos, como o Bloco de Esquerda portugués ou o Novo Partido Anticapitalista francés, souberon encontrala, demostrando a falsidade de que para ter audiencia e non ser "marxinados" cómpre ser moderados e submisos ás ordes do capital e do poder.
VÉMONOS ALÍ, ONDE ESTÁ A CHAVE.
20 comentarios:
Segues sen entender que o BNG é unha fronte interclasista e non vai cambiar.
Trátase diso, amigo, trátase diso.
Se o Bloque deixase de ser interclasista deixaría de ser o Bloque. O importante é a nazón, a nosa nazón galega. Dentro dela cabemos todos.
Non hai diferenza entre capitalismo EEUU e europeo?
E dentro deste, non hai diferenza entre estados?
Eu prefiro o modelo nórdico de fortes prestacións sociais con gran carga impositiva que ofreza importantes beneficios sociais.
Na súa idea do BNG collo nese partido?
Para Quixota:
O capitalismo como sistema de produción, explotación e depredación non é deste ou daquel estado/país (excepto contadas excepcións como Cuba, que, non obstante, non poden substraerse ao mesmo nas súas relacións internacionais), senón que ten un carácter mundial. Dito doutro xeito: ningún país escapa ás leis do mercado e ás institucións mundiais que o dominan: dende Sierra Leona ou Haití atá USA ou Francia. Nese sistema globalizado (antes chmábase imperialista, pero niso tamén, a linguaxe pertence aos poderosos) son esas leis, como ben saberás, da explotación do home polo home (iso que tecnicamente chamamos "plusvalía" e o seu correlato "taxa de beneficio") na procura do interese particular sobre o social, na busca do máximo beneficio a toda costa e deixando estragado o futuro da humanidade, as que mandan e dominan...
Ou pensas que Galiza ou Suecia ou calquera outra parte do planeta poderá sobrevivir a este sistema que está levando a un límite imposible á Terra (segundo moitos científicos xa pasamos do límite da irreversibilidade, pero a tanto non chego)e aos seus recursos?
Non existe a riqueza nun lado sen a expropiación dos recursos noutro, non existe unhas leis de competencia perfecta, senón baseadas na violencia e na extorsión (vid. exemplos como Irak e o petróleo), non existe un capitalismo ianqui sen o seu correlato de "patio traseiro sudamericano", nin un capitalismo europeo sen as guerras no centro de Africa polo coltán (ese material indispensable para os móbiles, viedo consolas, etc)
Sempre podemos pechar os ollos, pero a situación de Galiza é a que é na distribución que se lle quere dar no mercado español, europeo e mundial, e a burguesía galega xoga coas mesams armas e coa mesma lóxica que as demais: sobreexplotación, paro e miseria, dentro ou fóra da terra.
Non hai tanta diferenza entre as maquiladoras mexicanas que traballan para os talleres ianquis e as mulleres galegas que traballan nos talleres de costura para esas marcas multinacionais de roupa...
Non hai tanta diferenza entre o xove galego que malvive con menos de 1000 euros ao mes e o polaco que ofrece a súa forza de traballo por esa mesma cantidade ou por menos...
Non hai tanta diferenza entre o parado francés ou inglés a quen se lle terminan as prestacións polo desemprego e o catalán ou basco que sofren a mesma crise do sistema...
Porque todos, amiga, todos, somos pezas desa engranaxe chamada capitalismo, onde buscan opoñernos uns aos outros, aos traballadores galegos contra os portugueses, aos traballadores andaluces contra os cataláns, aos traballadores sempre contra nós mesmos... precarizados ou medorentos nunha batalla entre nós que só a eles, aos capitalistas beneficia. Mira para o exemplo recente dos traballadores da Seat votando en referendum a conxelación salarial por unha chantaxe... e co beneplácito dalgúns sindicatos "realistas"... A súa derrota arrastrará outras moitas e nin sequera lle garantirá o posto de traballo a eles.
Ese é o camiño que segue o Bloque: o da submisión á chantaxe dos capitalistas, eles si, unidos por un obxectivo común: sacar o máximo beneficio a túa conta, á miña e a de todos os de "abaixo".
Saúdos.
Seica vostede preferiría que Galiza se parece a Cuba, nonsí?
Non tente vostede unha descalificación fácil, anónimo contertulio.
Eu quero que Galiza se pareza a si mesma, o cal, dito sexa de paso, é dicir todo e non é dicir nada. Por tanto:
-Quero unha Galiza onde non haxa explotadores nin explotados, inda que sexan todos galegos.
-Quero unha Galiza con democracia dende a base, onde a xente decida sobre as alternativas que lle deban dar aos seus problemas, sexa nas fábricas, nos centros de ensino, nos barrios...
-Quero unha Galiza soberana, si, pero tamén irmandada e unida voluntariamente a outros pobos e nazóns, eles tamén, loitando pola súa liberdade e a súa democracia autenticamente participativa.
-Quero unha Galiza onde os talleres, o campo, o ensino... estean baixo control social, en primeiro lugar dos que producen e sufren...
Porque a Galiza que eu quero non cabe no "socialismo aillado nun só país", precisa unir as súas forzas, as forzas dos de "abaixo" con todos os proletarios e traballadadores do mundo, en primeiro lugar cos do resto do Etado Español e Europa.
O "socialismo nun só país" no medio dun capitalismo globalizado e depredador queda para os dogmaáticos estalinistas.
En canto a Cuba, outro día falaremos dela, pero quede claro dende agora, que o apoio que se lle dea a revolución cubana nada debe ter que ver con apoiar a burocaracia castrista.
Saúdos.
Anónimo dixo:
"Se o Bloque deixase de ser interclasista deixaría de ser o Bloque.
O importante é a nazón, a nosa nazón galega. Dentro dela cabemos todos."
Dentro da miña casa tamén cabe toda a miña familia, e máis por elo temos que seguir decidindo que se come cada día, e como repartir a comida.
Estou completamente farto de imposturas intelectuais. A farsa continúa de sempre falar en panfletario e as recurrentes omisións do tema. "O importante é a nazón" Bravo! Démoslle os impostos á nación e que os gaste a nación. Pero quen é a nación? Galiza xa é nación non independizada, con iso xa chega, entendo? ¿Defendedes unha realidade entón, como eu podo defender que os carballos son verdes? ¿Non hai que propór nada máis? ¿Instauraremos unha monarquía absoluta galega, ou mellor parlamentaria? Non paga a pena discutir estas cousiñas, son menudencias... o importante é a nación.
Con esa mentalidade chegaron ao goberno vai catro anos, e con ese simplismo e ausencia de ideoloxía cumpríronse os pronósticos; o capital e os medios de comunicación fixeron o que debían, instaurarvos no centro-dereita sen vós vos percatar. Eles, ladinos, fixéronvos caer na luxuria e presunción do gobernante con cadeira, e vós, tontiños vós, seguides proclamando o espazo apolítico no que vos credes mover, que non existe se non vos definides, sen saber aínda recoñecer que o marco no que vos fixeron caer xa ten nome propio. O conservadurismo, o patriotismo e a política de xestión. Sodes uns inconscientes, esa é a palabra.
Ola, Moscaesquerdosa:
Deduzo da túa exposición -corríxeme se entendín mal- que o problema do BNG reside no seu carácter de forza política anticlasista (onde convive a burguesía cos traballadores). Concordo contigo en que o feito de ser o BNG a "casa do común do nacionalismo" repórtalle contradicións: se modera ou esquerdiza o seu discurso, chóvenlle críticas por unha parte ou pola outra. Non sei ata que punto a moderación do discurso do BNG ten que ver coa sangría de votos que leva perdendo dende o 2001.
En canto á adopción do discurso anticapitalista pola esquerda, coincido contigo na necesidade de partidos coma a Izquierda Anticapitalista...mais, ao meu entender, son forzas residuais. A esquerda asumiu no seu conxunto o liberalismo e aquelas forzas da esquerda anticapitalistas teñen un papel marxinal. Gústenos ou non.
Para Boedense:
Non, o Bloque non é "anticlasista", senón interclaista que conceptualmente é moi diferente.
Anticlasista son aqueles que loitan pola superación das clases sociais na sociedade (que deixe de haber explotadores e explotados)e interclaistas son aqueles que ilusoriamente pretenden representan por igual aos explotados que aos explotadores nunha suposta superación da realidade social tal e como existe no capitalismo (que non a inventamos nós, senón que a vive todo o mundo no día a día)
O problema é que o tal "interclasismo" na práctica sempre é unha submisión á clase máis poderosa, a que ten os medios de producción, a que controla o capital. Esa é a gran impostura dos "interclasistaas", que enganan facéndolle crer ao obreiro, ao precario, ao parado, ao marxinado... que os seus intereses e os do patrón, especulador, multimillonario... son os mesmos: E NON O SON. Non, por moito que se queiran amalgamar baixo a etiqueta de "galegos", "bascos", "españois", etc.
Velaí o gran problema de o nazonalismo cando abandona o seu posicionamento de clase (a prol dos de "abaixo", claro)e corre da man da burguesía na consecución dunha suposta patria común...
Aí reside a gran diferenza entre uns e outros: diferenza moi superior a calquera outra e que implica que separar loita nacional e loita de clases constitúe o meirande dos erros (por dicir traizón)
En canto ao tema da marxinalidade, dúas cousas.
1ª) As organizacións e os partidos existen para levar adianta un programa, uns obxectivos, unha ideas e se escinden tales fins da súa práctica contradicíndose, non se achegan, senón se alonxan... Correr en calquera direción non implica chegar antes á meta.
2º) Hai exemplos de que dende unha esquerda anticapitalista pódese, en base a un traballo constante e a unha política coerente, ir acadando cada vez maiores cotas de audiencia e penetración social: velaí os exemplos do Bloco de Esquerda portugués ou do NPA francés, de agora mesmo e de paises viciños.
Así que non te deixes engatusar polos cantos de serea dos "pragmáticos" que nunca, nunca, conseguiron máis que ir de "vitoria en vitoria atá a derrota final" (ou sexa: atá a absorción pura e dura polo sistema ao que remataron defendéndoo sen vergonza: bombeiros e policías nas súas crises, como a actual. Compara a actuación do bipartito na Xunta...)
Saúdos.
Alfonso Daniel:
¡CHAPEAU!
Primeiro acadar a soberanía para Galiza e logo o socialismo.
Posturas como a túa son maximalistas e irresponsabeis.
A MIN O UNICO QUE CHE ME IMPORTA SON OS DO CHAPEO.
SOLO O CLAN DO CHAPEO
Eu pregúntome si algún día teremos coñecemento dos pactos asinados polo BNG, recen chegado a Xunta, coa Confederación de Empresarios Galegos e cos medios de comunicación privados, para formar un poder económico e mediático galego comprometido co país. O que pasou e que aqueles enganaron os nosos gobernantes coma a "pardillos", chuparon do bote todos, empresarios e políticos. Os primeiros seguiran engordando a conta do PP, o seu aliado natural, e os segundos, os descolados, temen adelgazar porque xa non poderán comer das institucións e dos empresarios, como ata agora.
Para o anónimo "etapista":
seica vives no século XVIII ou XIX, onde había que construír estados nacionais para desenvolver a revolución burguesa...
Hai moito tempo que o capitalismo domina o mundo, é global e ninguén pode fuxir ás leis do mercado cando xoga coas súas regras.
Segue soñando coa burguesía nacional e o seu desenvolvemento "independente" mentres a Citroen, o B. Santander e os Pescanova ou Zara rin as vosas ocorrencias.
Saúdos.
Para xOsse:
Unha versión a rentes do chan do tantas veces dito aquí: a subordinación a unha ilusoria "burguesía nacional" (incluíndo "poderes mediáticos")da política nacionalista.
Algún día aprederán que o desenvolvemento económico, cultural e nacional de Galiza será feito polos traballadores e as clases "de abaixo" ou non será...
Pero mentres, cantas derrotas precísanse para entendelo e que se contitúa un polo anticapitalista nesta terra nosa?
Non dou entendido como a xente do BNG segue coma papóns todo ese baile de nomes con aquilo de que tal e mellor que cal ou fulanito é más de esquerda que menganito, ou esta está máis preparada que aquel.
Penso que isto ten que ser unha consecuencia máis de ter pisada tanta moqueta e mamar tanta burocracia en San Caetano.
ESTE SÁBADO DÍA 18, POLA MAÑÁ, XUNTANZA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA PARA CONSTITUÍR COMITÉS DE APOIO Á CANDIDATURA DE IA-EA (IZQUIERDA ANTICAPITALISTA-ESQUERDA ANTICAPITALISTA) ÁS ELECCIÓNS EUROPEAS.
PARA MÁIS DATOS E INFORMACIÓN ESCRIBIR AO SEGUINTE E-MAIL:
amoscaesquerdosa@gmail.com
Se os irmandiños son coma ese candidato que quere poñer o Beiras para Presidente da Xunta, vaiche boa.
Eu estiven onte no pleno de Teo e arrubieme de ver como era o Martiño.
Que vaia por alí a xente e comprobe como ten dúas varas de medir.Logo fala de legalidade.Unha vergonza!
A piques, a piques estamos de conseguir as 15000 sinaturas para a candidatura de IA-EA (Esquerda Anticapitalista). A penas 1500 máis e o obxectivo estará acadado, porén os atrancos, o silenzo interesado dos sectarios e o da "esquerda" acomodada e acovardada que ve nesa alternativa un polo de futuro.
Un esforzo máis. Podedes establecer unha ligazón (neste mesmo blogue) con IA ou con Viento Sur e baixarvos o documento de sinatura. Paga a pena.
Publicar un comentario en la entrada