sábado 27 de diciembre de 2008

EU TEÑO UN SOÑO...

Dicía Marx: "Transformar o mundo". Engadía Rimbaud: "cambiar a vida"...

Aqueles que xa asumiron a derrota dos seus ideais (se algunha vez tiveron algún alén do propio enriquecemento e do consumo desaforado) bótannos en cara: "soñades despertos"...

Pode ser, pode ser...talvez sexa un soño, unha utopía, unha ilusión... máis que proxecto liberador pode construírse sen ese espírito?

Contestáballe nunha ocasión o xeneral De Gaulle (home nada sospeitoso de esquerdista) a un típico "realista": "A política que non permite soñar está condenada".

Cando un compara a mediocridade, a miseria e a submisión na que caeron todos eses socialdemócratas defensores da explotación capitalista, cando unha olla para esa xestión xustificatoria da violencia institucional dese "Estado social e democrático de dereito" que arroxa ao paro a millóns de persoas mentres permite o enriquecemento sen tasa dos máis poderosos, cando uns e outras comprendemos que a crise se está a cargar sobre as costas dos traballadores, dos desposuídos, dos débiles... entanto os especuladores, os banqueiros, as multinacionais seguen a engordar as súas sacas multimillonarias e por enriba co agasallo dos nosos impostos...

Entón perde o medo a soñar, a combater, a buscar alternativas a tanta depredación e espoliación.

Entón apoia candidaturas como esa nova de IZQUIERDA ANTICAPITALISTA que vén de xurdir para presentarse ás eleccións europeas, candidatura entroncada nas loitas sociais, internacionalista, radical e democrática.

E con asombro vemos que aínda no berce, xa acadou máis de 800 sinaturas de intelectuais, dirixentes sindicais, líderes sociais: dende vellos coñecidos para nós como Manuel Rivas, Rosa Regas ou Jose Luis Sampedro até loitadores de primeira fila como os da Naval de Xixón...

Talvez sexa un soño colectivo que fai que un xornal como Público recolla de xeito sistemático os novos pasos desta formación anticapitalista...

Será por iso que empeza a cundir o nerviosismo entre os PCs (hoxe na descafeinada IU) e algúns PSOEs: non está moi lonxe o exemplo francés, onde Besancenot e a o Novo Partido Anticapitalista pulan con forza das loitas obreiras e sociais e xa acadan un índice de popularidade que xa quixera para sí a "lideresa" gala S. Royal.

Somos marxistas, si, pero non dogmáticos. Abrimos o abano a todos os loitadores e soñadores, si, porque cremos que é o momento de superar as inútiles rencillas e a parálise de tantos anos de derrotas infrinxidas polos capitalistas e os seus representantes.
"DE OMNIBUS DUBITANDUM" (hai que dubidar de todo), afirmaba o "dogmático" Marx... Somos críticos quizais até a esaxeración, pero paga a pena logo de tantos estragos do estalinismo e da socialdemocracia.

Insubmisos, tamén. E novamente cedemos a palabra ao vello xudeo das longas barbas cando contestaba a pregunta de cal era a súa idea da desgraza: " A SUBMISIÓN".

E da felicidade, retrucáronlle: "A LOITA", respondeu.

Si, eu tamén teño un soño:
QUE AS NOSAS VIDAS VALLAN MÁIS CÓS SEUS BENEFICIOS.

sábado 20 de diciembre de 2008

INMIGRANTES

O noso goberno social-libral vai endurecer a súa política contra a inmigración: máis represión, máis tempo de "retención" (até 60 días ), máis dificultades para o reagrupamento familiar... todas nun mesmo senso: hai que sinalalos co dedo para que a opinión pública identifique e culpabilice aos supostos causantes do paro, da precariedade, da delincuencia...

Aproveitan as medidas xenófobas e racistas da Europa dos Berlusconi e dos Sarkozy para atacar os dereitos dos inmigrantes ("Nós non chegamos a tanto", deixan caer na súa linguaxe mendaz, "nós somos socialdemócratas, nós apoiamos aos traballadores"...)

Nunca a hipocrisía da socialdemocracia europea foi tan vergonzante e vergonzosa.
Nunca a doble moral foi tan manifesta.
Nunca a realidade estivo a tanta distancia do seu mundo virtual.

Medra o paro e din que o combaten.
Crecen os contratos temporais e a precariedade e falan da defensa dos postos de traballo.
Mercantilizan a universiade co seu cego seguidismo do plan Bolonia e, coma sempre, xustifícanse con Europa...

Hai xa tempo que esta "esquerda" de cartón-pedra perdeu todo progresismo.
Creron que co derrubo do "Muro de Berlín" xa non había máis política que a neoliberal: adaptarse aos tempos, ese era o seu lema.
Pero pillounos a crise, quedaron a contrapé, fóra de xogo...
Desbotaron o marxismo e foron correndo a comungar con Fukuyama e o seu fin da historia (no capitalismo, claro)
Fixéronse os adalides do "libre mercado", do non intervencionaismo, do monetarismo (nada de deficits, nada de inflación, nada de axudas estatais...) e quedaron co cú ao aire.

Que foi daquel "Proletarios de tódolos paises, unídevos?

Quen enfronta aos traballadores e aos explotados de aquí e de acolá?

PERO HAI ALTERNATIVA.

Unha esquerda cada vez máis combativa rexurde en Europa e no mundo.
En Francia, con Besancenot e co Novo Partido Anticapitalista gáñase terreo a pasos axigantados.
En Portugal, co Bloco de Esquerdas, dende dentro e dende fóra do parlamento deféndense políticas coherentes a prol dos traballadores e dos desposuídos.
En Italia, Sinistra Crítica vai agrupando a todos os restos da debacle comunista.
En España, logo dun longo desterro, a vella LCR rexude das súas cinzas: xa está na rúa, nas fábricas, nos barrios, nos centros escolares... IZQUIERDA ANTICAPITALISTA, unha renovada formación na que conflúen antigos e novos militantes anticapitalistas, xentes que queren facer da democracia algo máis ca unha bonita palabra; da solidariedade unha idea motriz que irmande a todos os homes e mulleres sen contar a raza, a orixe, "os papeis"; da loita e da participación un camiño de conquistas sociais e políticas...

Paga a apena que entredes na web desa IZQUIERDA ANTICAPITALISTA e comparedes.
Paga a pena apoiar, como xa o fixeron máis de 800 intelectuais, xentes da cultura, persoas de renome ou anónimas, esa candidatura ANTICAPITALISTA para as eleccións europeas.
Paga a pena, porque o noso futuro, o futuro da humanidade está hoxe máis en xogo ca nunca: SOCIALISMO OU BARBARIE.

PORQUE AS NOSAS VIDAS VALEN MÁIS CÓS SEUS BENEFICIOS

sábado 13 de diciembre de 2008

CHAMÁBASE GREGORIA

Chamábase GREGORIA. Vivía aquí, no suposto primeiro mundo, nun concello á beira de Santiago de Compostela chamado A Baña. E morreu...

Faleceu soa, na cama, morta de frío. Si, si, non hai esaxeración: alí na súa cama, conxelada, porque pola súa casa campaba a friaxe por todos os currunchos... si, si, nunha desas vivendas cuxo nome é maís un sarcasmo ca unha denominación.

Pedira axudas, pero non llas concederon. Agora bótanse entre sí as culpas os diversos gobernos e autoridades. Trátase de salvar o pelexo, o postiño, o cargo... o poder, coma sempre, unicamente preocupado por perpetuarse no poder.

Mais non teñen desculpa ningunha: TODOS SON CULPABLES DESTA MORTE, POR ACCIÓN OU OMISIÓN. Pero xa se sabe, o escándalo pasará: a xente esquece cedo.
Cantas Gregorias fabrica este sistema que se rixe por unha soa lei, a do máximo beneficio?

Cantos seres humanos, invisibeis entre tantas luces e tanto arbre de nadal cargado de agasallos inúteis, pululan polos portais, polas bocas de metro, polos abarrotados albergues ou nas portas das catedrais desa "misericordiosa" igrexa católica?

A crise está levando ao paro e á miseria a millóns de persoas en todo o mundo. O 20% concentra o 80% da riqueza... e cada día que pasa a fenda entre os novos amos do mundo e os escravos de hoxe medra máis e máis.

Milleiros de millóns de dólares e euros regalados á banca, aos especuladores financeiros, ás multinacionais... mentres os seus directivos nadan nun mar de luxo e corrupción. Pero para as Gregorias daquí e de acolá non hai cartos.

E aínda fachendean de que este sistema, o capitalismo, é o mellor de todos os posibeis....

Mais para nós, a esquerda anticapitalista, e para todos os que cren e entenden que outro mundo é posible, unha idea, un principio guía a nosa acción:

QUE NUNCA, NUNCA, ACEPTAREMOS QUE OS SEUS BENEFICIOS TEÑAN MÁIS VALOR CÁS NOSAS VIDAS.

VIDAS COMO A DE GREGORIA...

sábado 6 de diciembre de 2008

¡¡¡VICTORIA EN NISSAN!!!

Ían ser 1700 obreiros despedidos.

Ían ser 1700 traballadores máis (e iso sen contar todas as familias que viven deles) a engrosar as ringleiras do paro.

Pero dixeron ¡non!, non estamos dispostos a ser nós, os currantes os que paguemos a crise, logo de que durante anos os amos da Nissan estiveran gañando cartos a mazo.

E foron a loita. E convocaron folgas masivas. E saíron á rúa en manifestacións multitudinarias. E acadaron a solidariedade do pobo. E fixeron que o goberno da Generalitat e do Estado tremeran...

Pero ao final conseguírono: A NISSAN RECÚA E XA NON VAI DESPEDIR A NINGUÉN. Farán EREs temporais, pero ningún obreiro irá á rúa.

VICTORIA! VICTORIA! VICTORIA! Resoa hoxe por toda a Catalunya obreira...


Pero isto non debe quedar aí. Hai que tirar leccións. Hai outras moitas empresas que tencionan facer o mesmo que os xaponeses da Nissan. Hai que sacar conclusións:

-como que o factor decisivo para que os traballadores non sexamos os paganos da crise é a unidade é a loita.

-como que a independencia da loita obreira e a non submisión a obxectivos alleos (deses que din ser os seus "amigos" pero que na práctica axeónllanse ante os amos do capital) constitúe a estratexía máis axeitada e contundente para non rematar sendo derrotados.

-como que, alén dos cantos de sirea dos tecnócratas, dos gobernantes socialdemócratas, dos burócratas sindicais... unha realidade imponse con toda evidencia nos tempos de crise: a loita de clases existe e golpea con toda a súa forza no confronto dos intereses dos capitalistas e dos traballadores. Só os señoritos de moqueta non son capaces de ver esta dura realidade.

VELAÍ O CAMIÑO A SEGUIR, O DOS COMPAÑEIROS VICTORIOS DA NISSAN QUE SOUBERON DEFENDER A SÚA DIGNIDADE E O SEU POSTO DE TRABALLO ENTENDENDO ESTA VERDADE ELEMENTAL:

QUE AS NOSAS VIDAS VALEN MÁIS CÓS SEUS BENEFICIOS!